Fondo cabecera Concello de A Pastoriza

Festas etnográficas e gastronómicas



Rapa das Bestas de Campo do Oso

Lugar: Campo do Oso, parroquia de Bretoña.
Data: último domingo de xuño.

Singular espectáculo que reproduce a loita ancestral do home contra o cabalo, e que se desenvolve na bela e brava paraxe do Campo do Oso -ou Campodoso-, aos pés do Monte de Carracedo, valgada que comparten as parroquias de Bretoña (A Pastoriza) e Santa María Maior (Mondoñedo). O ritual da Rapa das Bestas consiste en marcar e rapar os cabalos que viven en estado salvaxe, sendo unha tradición de remotas orixes e que hoxe en día se converteu nunha festividade cultural e turística de gran vistosidade e valor etnográfico. Así, unha vez ao ano os homes da zona guían aos cabalos e eguas salvaxes (bestas) ata un recinto valado no monte (o curro), onde os “agarradores” loitan cos cabalos a forza bruta ata conseguir reducilos, ca fin de cortarlles as crinas e marcalos a lume. Unha vez que remata o ritual, os animais son postos novamente en liberdade. A xornada comeza pola mañá cedo co encerro do gando, seguida da rapa, doma e marcado dos cabalos, celebrándose tamén as loitas de garañóns. Cara o mediodía, despois da solta do gando novamente ao monte, ten lugar unha comida campestre que inclúe degustación gratuíta de carne de poldro. A xornada complétase pola tarde con xogos ecuestres como doma e carreiras, actuacións musicais, sorteo dun poldro e entrega de premios.



Festa Celta do Lugnasad

Lugar: Bretoña.
Data: primeiro venres do mes de agosto.

Dende 1996, e de forma ininterrompida, vense celebrando en Bretoña a que xa é todo un referente dentro das festas de temática céltica de Galicia, un festival en honor ao deus Lug no que o principal obxectivo é revivir por un día a maxia da cultura celta. O evento celébrase no Coto da Auruxeira, nun espeso bosque a carón do río Miñotelo situado moi preto da vila de Bretoña. Á cita achéganse tanto veciños coma visitantes ataviados con roupa e utensilios da época para rememorar tempos pasados, e o entorno acondiciónase para a ocasión, no que non faltan incluso as vivendas celtas feitas de madeira e teitadas de xestas e piornos. A xornada inclúe unha gran cantidade de actividades como exhibicións e representacións teatrais, xogos celtas, mercado, comidas, celebración de vodas polo rito celta, degustación e conxuro da queimada, e concertos de música tradicional, incluíndo tamén xornadas de exposicións e conferencias sobre a cultura celta.

Máis información: www.auruxeira.org/lugnasad



Festa do Requeixo e Concurso Comarcal de Habilidades con Tractor

Lugar: A Pastoriza.
Data: última fin de semana de xullo.

Festa de exaltación deste produto lácteo típico da Pastoriza, que se desenvolve no verán durante a última fin de semana de xullo ou a primeira de agosto na Área Recreativa do Acevreiro. Esta cita gastronómica e lúdica conta cun completo programa que inclúe unha degustación gratuíta de requeixo e queixos artesanais, xantar popular, actuacións musicais, sorteos, xogos tradicionais, actividades e xogos para os máis cativos, así como diversos espectáculos e verbena. A cita complétase co orixinal Concurso Comarcal de Habilidades con Tractor que ten lugar no Circuíto de Automoción e Karting ao longo das dúas xornadas de festa, no que poderemos gozar de vistosas probas e exhibicións de manexo desta maquinaria agrícola, rematando coa entrega de trofeos e premios en metálico para os tres primeiros clasificados.

Máis información e inscricións no Concurso de Habilidades con Tractor:
Concello de A Pastoriza: Tel. 982 332 197 / www.concelloapastoriza.es
PTC Escuela: Tel. 650 367 521 / www.ptcescuela.com
(As prazas para participar no concurso de habilidades están limitadas)



Festa da Bola de Liscos e das Freces

Lugar: Vila de Bretoña.
Data: último domingo de marzo.

Cita para a exaltación gastronómica destes dous produtos típicos das terras da Pastoriza, que a piques estiveron de acabar no esquecemento e aos que agora se lles dedica esta festa. A bola de liscos é unha empanada feita de touciño (liscos) e chourizo. Pola súa parte, as freces son un prato doce elaborado con manteiga, ovos, fariña, leite e pan, que van aderezadas con algo de mel ou azucre, e que se adoitaban tomar ben quentes a media mañá. Ademais da degustación destes dous produtos culinarios, a cita tamén conta con postos de feira, mercado de artesanía e gastronomía, así como exposición de coches e tractores antigos, todo elo amenizado por grupos de música tradicional galega e unha gran verbena pola noite.



Feira de Gando do País

Lugar: Bretoña.
Data: 7 xuño. 



Festas do Entroido

Lugar: A Pastoriza.
Data: febreiro ou principios de marzo.

Información sobre el documento

Escudo del	Concello de A Pastoriza
Concello de A Pastoriza
Plaza Galicia N°1 – 27287 A Pastoriza - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 332 197
E-mail: administracion@concellodapastoriza.es
Esta página utiliza cookies propias y de terceros con la finalidad de mejorar la navegabilidad, usabilidad y los contenidos. Si continúas navegando, nos otorgas tu consentimiento y autorizas a la transferencia de datos a EEUU al utilizar el servicio y funciones de Google para la recopilación de datos analíticos y fines publicitarios. Puedes conocer más acerca de las cookies en nuestra Política de Cookies. ACEPTAR | +info